sábado, 10 de mayo de 2014

Estás como caída

Estás como caída,
depresión ou lobos azúis e lonxe esfragándose antigos.

Estás, amor, perdida,
ledamente ensarillada en ti, ledamente
acompasada á morte que se achega con tatuaxe de festa.

Estás, oh castiñeiro de vran,
cobexando tropas de saltóns e chuchameles murchos.

Estás de ventre aberto
e unha procesión de agres berros, volvoretas,
arrótanche as entrañas e os adentros sen luz.

Estás, fuxinte,
eiquí e non estás porque sábe-lo arte
de seres simultánea e agallopar cos ollos os teus trigos nativos
poderosamente ateigada de sol e de mapoulas.

Estás en min, coma quen ten, sin nome,
un melro ou un fouciño pra conqueri-los días
nos que ti non estás, nos que ti non estás, nos que ti non estás.

Xosé Luis Méndez Ferrín: Con pólvora e magnolias (1976)

Versións:
César Morán: Estás como caída; Río de son e vento; 1999; Pista 8

No hay comentarios :

Publicar un comentario