Fai pouco tiven un soño
que máis ben foi un lembrar,
pois os soños moitas veces
veñen da realidá.
Colléronme preso un día
i atáronme mau con mau,
por culpa dun falso amigo,
fillo bastardo dun can.
Colléronme preso un día,
enlamáronme no chan,
aldraxáronme, puxeron
o meu nome a pregoar.
Sepan homes e mulleres
desta honrada vecindá
que o poeta é un falsario,
un malvado, un mintirán.
Moraima, non me perguntes
nin pretendas saber máis,
pois o meu soño esvaíuse
cos paxaros da mañán.
Diréiche soio unha cousa
pra esta historia rematar.
Colléronme preso un día,
outro non me collerán.
Celso Emilio Ferreiro: Onde o mundo se chama Celanova (1975)
Versións:
Suso Vaamonde: Un soño (Maio 1972); Celso E. Ferreiro na voz de Suso Vaamonde; 1980; Cara A, Corte 3
Suso Vaamonde: Un soño; Galiza a José Afonso. Concerto ao vivo. Castrelos (Vigo) (VVAA). Agosto 1985; 1999; CD1, Pista 2
María do Ceo: Tiven un soño; No bico un cantar; 2010; Pista 7
No hay comentarios :
Publicar un comentario