lunes, 4 de julio de 2016

¡Meu carriño!

                Prá alma acesa de Antón Vilar Ponte.

        ¡Carriño forte e xeitoxo
            meu carriño,
        arrolador e mimoso
        como o berce dun meniño!

¡Meu carriño cantareiro!
¡O de xugo e cabezalla
coa puntiña da navalla
pulidos da miña man!
Sempre ó paso, sempre xuntos
entre estripos, e entre frores,
cantemos nosos amores,
sin saír do noso chan!

        ¡Meu amor de carreteiro!
            ¡Meu carriño!
        ¡O do eixo de ameneiro
            e os canisos de sanguiño!

Lévame, meu carro, leva,
pola meiga terra nosa
que a miña alma saudosa
lonxe dela non se afái.
¡Lévame por onde escoite
a fala doce e sentida
entre bicos deprendida
no colo de miña nai!
¡Roda polos nosos eidos!
Anque hai lama no camino
¡é tua terra, meu carriño,
E a terra de meus abós!
    ¡Non collas para chan alleo!
¡Non me leves a Castela
que non quero nada dela
xa que arrenegóu de nós!

        ¡Vermello, leva coidado
            co carriño,
        que pode caír tumbado
        no goio dun tremesiño!

Canta, meu carriño, canta
a redención esquencida,
o dor da Terra ferida
de traidores e ladróns.
¡A alma galega dorme,
a santa Ideia está morta
e tés de ir porta por porta
encendendo os corazóns!

Berra por vilas e aldeas,
que hai que vinga-la inxusticia
dos que teñen a Galicia
axugada cun cansil.
¡E dille ós irmáns que atopes
que nas mans dun home enteiro
o estadullo carreteiro
non lle ten medo ó fusil!

        ¡Marelo, tira con xeito
            e amodiño,
        que hai que andar moi ó dereito
        co eixo do meu carriño!

Hoxe corredoira abaixo,
mañán corredoira arriba,
mentras ti dures e eu viva
teremos un camiñar.

E cando ti xa apodrezas
e eu dé o laio derradeiro,
¡que fagan do teu chedeiro
a caixa para me enterrar!
¡O de eixo de ameneiro
e os canisos de sanguiño!
¡Meu amor de carreteiro!
¡Meu carriño cantareiro!

        ¡Meu carriño!

Ramón Cabanillas: Da terra asoballada (1917)

Versións:
Miro Casabella: Meu carriño; Treboada; 1978; Cara A, Corte 3



Alfredo González Vilela: Meu carriño; Agarimos; 2010; Pista 4

No hay comentarios :

Publicar un comentario