martes, 24 de julio de 2018

Pescadores do golfo

Arribastes a Cuba adolescentes,
paisanos mariñeiros.
Asentastes en Regla e Casa Blanca
saístes nos veleiros.

Con rumbo a Iucatán e á Florida
sobre aquel golfo inmenso,
na procura de cherna, pargo
e outros moradores dese océano.

Pescadores do golfo,
pescadores galegos.
En artes de pesca foron mestres
de novos mariñeiros.
Pescadores do golfo,
pescadores galegos.
E hoxe Cuba recoñece o voso aporte sen par,
Ese nobre maxisteiro.

Vos erguestes o barrio de Peixiño,
remanso temporeiro,
pequeña aldea emigrante onde acotío
falabades galego;

e onde enchía de saudade os corazóns
Sebastián, o gaiteiro.
Enfrontastes ciclóns e armadores,
paisanos mariñeiros.

Traballadores dese mar bravío,
—mar que provoca medo—
homes do golfo, firmes e valentes.
—Mariñeiros de ferro—
Homes que foron parte deste pobo
—que é cubano e galego—

Xosé Neira Vilas: Son galego, son cubano (2015)

Versións:
Roi Casal: Pescadores do golfo; Son galego, son cubano; 2017; Pista 7

No hay comentarios :

Publicar un comentario