martes, 5 de diciembre de 2023

Todos somos Nicaragua

                                                              a Juan A. Capelán
                                                              e Isolina Figueiredo

Todos somos Nicaragua.
O vento. As árvores que inician o periplo caudaloso do outono
sobre a leve espesura das casas.
Os incendios do solpor na tarde fría.
As almas que se deitan a sofrer a eternidade.
A tristeza que enlouquece. A brancura dos lagos.
O sorriso das tellas a escoar longos dilúvios.
E os homes que se adentran polo orvallo da mañá
diluindo no seu corpo o risco insólito do mundo.

Todos somos Nicaragua.
A noite. Os páxaros que inclinan o seu voo sobre o alento da fraga.
Os anxos que regalan a delicia do soño.
O espello onde a laverca deita o sopro do nordés
sulcando o estío nas trombetas
da tarde.

As estrelas, os laúdes. A cor que o tempo garda para o inicio
dos tránsitos e a morte. Os relóxios. As palavras
e os vocábulos que un grito ofreceu
fulxindo até morrer nun punto fogoso das trevas
alí onde florecen os nomes das mulleres e dos páxaros.

Todos somos Nicaragua.
As doenzas, os segredos, os desexos do amor
e até os pálidos arcos que a loucura deitou sob os astros,
fumegando en menceres, límpidos, nocturnos,
como un fogo que a lúa tecese para arder nas cidades da noite.

Todos somos Nicaragua. Deitados sobre o po,
luz e lóstrego do mundo,
como unha flecha a procurarmos lentamente o peito
da aflicción.

Manuel Forcadela: O regreso das ninfas (1985)

Versións:

Manuel Forcadela: Todos somos Nicaragua; Galiza a José Afonso. Concerto ao vivo. Agosto 1985 (VVAA); 1999; CD1, Pista 16

No hay comentarios :

Publicar un comentario