lunes, 7 de julio de 2025

Unha vez tiven un cravo

                Unha vez tiven un cravo
          cravado no corazón,
i eu non me acordo xa si era aquel cravo
          de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
          que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
          “Señor, que todo o podedes
          —pedínlle unha vez a Dios—
       
daime valor para arrincar dun golpe
          cravo de tal condición”.
       
          E doumo Dios, e arrinquéino;
          mais… ¿quén pensara…? Despóis
          xa non sentín máis tormentos
          nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
          en donde o cravo faltóu,
e seica, seica tiven soidades
          daquela pena… ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
          ¡quén o entenderá, Señor…!
       

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:

Emilio Cao: O cravo; Amiga alba e delgada; 1985; Cara A, Corte 5




Maite Dono: O cravo; Corazón de Brief; 1998; Pista 4




Aid: Unha vez tiven un cravo; Rapoemas; 2012; Pista 8

No hay comentarios :

Publicar un comentario