De certo a música se inventou
para que sorrían as almas,
e as dos nosos gobernantes
hai ben tempo que non articulan
un xesto de alegría, de desdita,
de paixón ou de lucidez;
hai ben tempo
que os nosos gobernantes só escoitan
os sons fríos da codicia.
Cando aló, na infancia,
nas fronteiras do far-west
imaxinábamos aos nosos heroes
e o mundo no que habitaban,
xamais atopábamos políticos nen cobardes.
Aquel territorio era o señorío
de Alí Babá e os Cuarenta Ladróns,
dos Tres Lanceiros Bengalíes,
dos Tigres de Malasia, de Robín Hood,
dos Tres Mosqueteiros e do Corsario Negro,
de Ivanhoe, de Custer,
O Coloso de Rodas, Anibal de Cartago,
Leónicas e os trescentos, Terra de faraóns,
Obxetivo Birmania e A batalla de Midway.
Todos acariciados polo sol da grandeza,
no gume da navalla,
sen traballo coñecido
e traballándonos a ilusión.
Loitando para que a humanidade
goce dun sopro de ledicia,
dun instante de luz limpa,
lonxe dos agrios, da amargura, da desidia,
da decadencia da palabra.
Aló, no tumultuoso río da vida,
afirmando en cada sorriso
os atardeceres da súa existencia fabulosa.
Lino Braxe: A caricia da serpe (1999)
Versións:
A caricia da serpe: Xasón e os argonautas; A caricia da serpe; 2005; Pista 3

No hay comentarios :
Publicar un comentario