lunes, 3 de julio de 2017

O arado

Labrado da miña mau
fixen coa miña navalla,
un aradiño de pau …

Leva timón e chavella
¡i unha rella furadora
feita dunha lata vella!

Ten orelleiras; rabela
tan luída e rematada
¡que namora mirar pra ela!

O meu arado é tan feito
¡que pode incruso esfender
labradíos a barbeito…!

¡Teño xa que darlle estreno
ó meu arado arador,
ó meu arado pequeno…!

¡E non sei a onde hei de ir
buscar os bois que preciso,
buscar os bois pra xunguir!

Manuel María: Os soños na gaiola (1968)

Versións:
Fuxan os Ventos: O aradiño; Fuxan os Ventos; 1976; Cara 2, Corte 6



Fuxan os ventos: O aradiño; Chegaremos; 1980; Cara A, Corte 5

(Reedición da versión do disco Fuxan os Ventos, do ano 1976.)

No hay comentarios :

Publicar un comentario