jueves, 1 de febrero de 2018

Non che digo nada...

Non che digo nada…
Pero ¡vaia!

                  I
Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltosos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Meniña ben vestida,
meniña ben calzada,
que ten roupa de cote,
que ten roupa de garda;
meniña que ben folga,
meniña que anda maja,
i é probe, malpecado,
como unha triste araña,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Véxote aló antre os millos,
véxote aló nas brañas,
xa no pinar espeso,
xa na beiriña mansa
do río que correndo
vai entre as verdes canas,
e xuras que estás soia,
que naide te acompaña…
Non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Casada casadiña
que gustas ser falada,
que bailas cas solteiras
nas festas e ruadas,
que tes na boca a risa
e que cos ollos falas,
e que ao falar con eles
parece que che saltan,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Cando mirar te miro,
tan limpa e tan peinada,
loitar cos rapaciños
hastra que en ti se fartan,
e ves dimpóis xurando
que eres muller sin chata,
e dis que as máis non teñen
contigo comparanza,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

E ti, roxa roxiña,
modesta e recatada
que falas tan mainiño,
que tan mainiño andas,
que ós pes dos homes miras
para non verlle a cara,
e fas que non entendes
cando de amor che falan,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Vas pola mañanciña
a misa cas beatas;
dempóis… (por qué, ti o sabes)
de xunta delas largas;
e si na corredoira,
xunto da verde parra,
non sei con qué xentiña,
páraste ou non te paras,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

E ti, rapás garrido,
de tan melosas falas,
tan majo de monteira,
tan rico de polainas,
tan fino de calzado
como de mans fidalgas,
cando me dis que gustas
de traballar na braña,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Ti falarás de amores
cousiñas ben faladas;
ti loitarás cas nenas
como ningún loitara;
ti beberás do mosto
hastra quedar sin fala;
pero cos teus sudores
mollar a terra ingrata…
Non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Mais tantas cousas vexo
que me parecen trampa;
tanto sol entre nubes,
e tan revoltas augas
que asemellarse intentan
a unha fontiña crara,
que por non perder tempo
donde non quito racha,
non che digo nada…
Pero ¡vaia!

Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)

Versións:
Tempo catro sexteto: Non che digo nada… ¡pero vaia!; Os ollos que falan; 2014; Pista 1

No hay comentarios :

Publicar un comentario