Os meus inimigos
cando falan de min
poñen xofre nas súas verbas,
tan íntimas,
tan sinxelas,
tan saídas dese anaco de carne
que leva por nome corazón.
E eu case son feliz
coas súas intrigas,
coa súa dozura,
coa súa morte que non ma dan a min
por covardía.
O seu sorriso amargo
esvara pola miña carne como un peixe,
e as súas frases amarelas finxen rosas
cando me chaman amorosamente
“meu querido amigo”.
Eu e mais eles
imos andando distraídos pola vida,
imos ao mesmo café,
ao mesmo cinema,
e agachamos as mesmas mentiras
debaixo dos mesmos estúpidos sorrisos:
e ás veces até me convidan a fumar
cerimoniosamente.
Os meus inimigos cando me acoitelen
aínda me han de seguir chamando
“meu querido amigo”.
Manuel María: Elexías á miña vida pequeniña (2004)
Versións:
Roi Casal: Inimigos; Lendas douradas; 2008; Pista 7
No hay comentarios :
Publicar un comentario