Galiza e unha grande labarada
de acendida carraxe xusticeira.
A xente, ferida e aldraxada,
e alto mar irado, onda guerreira.
Ao seu empuxe caeron os castelos,
foron donos da terra os labradores.
Galiza, sen valados nin cancelos,
viuse libre de donos e opresores.
Os amos fuxiron para outra terra,
colleron o camino do desterro.
Toda Galiza posta en pe de guerra
era como un volcan de lume e ferro.
As fortalezas caeron sen un ai
ao empuxe da carraxe comunal!
As fortalezas caeron como cai
baixo o fio da serra o pineiral!
As odiadas coveiras dos feudais
foron purificadas polo lume.
As vellas fortalezas medievais
eran breves montons de cinza e fume!
Galiza ollouse ceibe dos Andrade,
dos Lemos, Moscosos e Sarmientos.
O pobo logrou vencer a ruindade,
acadou conxurar os malos ventos!
E un rumor popular de muiñeiras
percorreu esta terra xenerosa.
O pobo fixo novas sementeiras
e xunto ao trigo floreceu a rosa.
O pobo sacudiu os vellos xugos
e puido asi acadar a sua vitoria.
Ao sentirse xa ceibe de verdugos,
comezou a facer a propia historia.
O exercito popular dos irmandinos
trougo espranzas de luz e redencion.
Eran flores as pedras dos caminos
e o rumor popular era cancion…!
Ouh capitans valentes e esforzados,
homes destemidos, xenerosos, bos,
os tempos anunciados son chegados:
Diego de Lemos, Osorio e mais Lanzos!
Manuel María: Unha vez foi o trebón (1975)
Versións:
A Quenlla: Gloria e trunfo dos irmandiños; Os irmandiños; 2010; Pista 7
Suscribirse a:
Enviar comentarios
(
Atom
)
No hay comentarios :
Publicar un comentario