O espacio escénico pode ser unha habitación ou un apartamento modesto e ordeado con libros, cadeiras, mesas, xornais, unha máquina de escreber, etc….
HOME 1.—
Os acontecementos desencadeáronse moi súpetos. Ninguén agardaba tantas novedades.
MULLER.—
Compre sacar á rúa o voceiro o máis axiña que nos sexa posible.
HOME 2.—
Eu apenas teño datos. Unicamente os que puiden ir recollendo da prensa.
HOME 3.—
Sei que houbo detenciós. Non teño a seguridade do nome dos detidos.
HOME 1.—
Levamos un bó pau. De todos xeitos compre sobreporse e encarar a situación con serenidade e frialdade.
MULLER.—
Non podemos perder a calma. E máis nestes intres de tanto perigo.
HOME 2.—
A operación policial xa hai tempo que tiña que estar preparada.
HOME 3.—
O máis terrible foi o do compañeiro morto. Eu aínda non me podo afacer a idea. ¡É arrepiante!
MULLER.—
Xa circulan na clandestinidade poemas na súa lembranza. A min chegoume este:
A muller lee con voz serena e, ó mesmo tempo, emocionada.
MULLER (leendo).—
Guerrilleiro da patria asoballada,
famenta de verdade e de basoiras:
¡a túa palabra anuncia mañás loiras
e colleitas de luz na madrugada!.
Ti tiñas primaveiras lembradoiras
e da vida fixeche dura espada
pra loitar pola patria. Camarada:
¡qué silencio sen tí nas corredoiras!.
Unha terra de nós era o teu norte,
un povo traballador, ledo e varil,
¡unha concencia viva, alerta e forte!.
Abatiute unha bala, cega e vil.
¡E nós que choramos a túa morte,
empuñaremos tamén o teu fusil!.
HOME 1.—
(Señalando ó HOME 2):
Propoño que o compañeiro redaite unha descrición obxetiva dos feitos.
(Señala ó HOME 3):
O compañeiro pode facer un análisis global da situación política do noso país e de como se está a desenrolar a loita.
(Señala á MULLER):
A compañeira pode informar da táitica que a organización ten de seguir, despóis do acontecido.
En canto a min… Eu coido terei capacidade pra analizar os feitos que estamos a viver.
HOME 2.—
Está ben.
HOME 3.—
Sí, sí.
HOME 1.—
O poema pode ir na portada do voceiro, ilustrado cunha fotografía.
HOME 2.—
Habería que medítalo.
HOME 3.—
Cecáis como contraportada.
MULLER.—
Hai que cavilalo ben.
HOME 1.—
Non temos tempo que perder.
Esta escea pódese axudar con música.
Os ACTORES póñense a escribir.
Un dos ACTORES comproba se hai papel dabondo, se funciona a máquina, etc. mentres os outros seguen a traballar.
ESCURO
Manuel María: A lúa vai encoberta (1992)*
Versións:
A Quenlla: Guerrilleiro; 30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita; 2014; CD2 Pista 6
*[O propio autor comenta en nota previa ao texto que a obra escribiuna na década dos 70’s, por encargo do grupo teatral da Asociación Cultural Auriense, que xa representara outra peza súa: Unha vez foi o trebón (1975). Comezados os ensaios o grupo desfíxose e a obra quedou esquecida ate que a editorial Cambio 16, pediulle un orixinal inédito para incluilo na colección Biblioteca de Autores Galegos, no ano 1992.]
No hay comentarios :
Publicar un comentario