I
Vinte unha crara noite,
noitiña de San Xoán,
poñendo as frescas herbas
na fonte a serenar.
E tan bonita estabas
cal rosa no rosal
que de orballiño fresco
toda cuberta está.
Por eso, namorado,
con manso suspirar
os meus amantes brazos
botéiche polo van,
e ti con dulces ollos
e máis doce falar,
meiguiña, me emboucastes
en prácido solás.
As estrelliñas todas
que aló no espaso están,
sorrindo nos miraban
con soave craridá.
E foron -¡ai!- testigos
daquel teu suspirar
que ó meu correspondía
con amoriño igual.
Pero dempóis con outros
máis majos e galáns
(mais non que máis te queiran,
que haber non haberá),
tamén, tamén, meniña,
soupeches praticar
á sombra dos salgueiros,
cabo do romeiral.
Por eso eu che cantaba
en triste soledá,
cando -¡ai de min!- te vía
con eles parolar:
"Coida, miña meniña,
das práticas que dás,
que donde moitos cospen,
lama fan".
Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)
Versións:
Roi Casal: Noite de San Xoán; Lendas douradas; 2008; Pista 3

No hay comentarios :
Publicar un comentario