Mostrando entradas con la etiqueta Electroplasma. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Electroplasma. Mostrar todas las entradas

viernes, 22 de julio de 2022

Para duas unidades

Para duas unidades
hai
máis de mil posicións.


Gozade a vosa dita,
amantes,
baixo a forma que veña.


No miriagrama do corazón
hai infinitos latejos.


A vosa sintonía
nen é cousa de método.


Tal como caen os dados sobre o feltro,
asi vós sobre o terreno de jogo.


A man
que abala o cobillete,
concede-se a sorpresa do azar.


Cadaquén, cadanseu.
Deste jeito ou destoutro.
Jogar às catro esquinas,
non exige programa.


Risos, bágoas, caricias ou liortas.
É respeitábel todo.

O código é singelo e imanente.
Non hai nel transgresión.


Podede-vos sumar, restar, multiplicar
ou dividir.
Sumandos, minuendo e sustraendo,
factores, dividendo e divisor.


A ecuación do amor é indeterminada,
e ten
infinitas solucións para a sua incógnita.


Non se sujeita a normas estilísticas
o número dual.


Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Electroplasma: Venusberg; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 44



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]