jueves, 24 de mayo de 2012

A xusticia pola man

Aqués que tén fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡Morreron, morreron, ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvademe ¡ou, xueces!, berrei..., ¡tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño...¡Ne-as herbas sentía!
I a lúa escondiase, y a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... ¡estonces!, cumpreuse a xustiza:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:

Amancio Prada: A xustiza pola man; Rosalía de Castro; 1975; Pista 5.




Amancio Prada: A xusticia pola man; Canta a Galicia; 1986; Pista 10

(Reedición da versión do disco Rosalía de Castro, do ano 1975)


Amancio Prada e Nuria Espert: A xusticia pola man; Rosas a Rosalía; 1997; Pista 11.




Amancio Prada e Nuria Espert: A xusticia pola man; Rosalía siempre; 2005; Pista 14.

(Reedición da versión incluida no disco Rosas a Rosalía do ano 1997)



Nao: A xustiza pola man; As palabras espidas; 2007; Pista 8.




Abe Rábade e Guadi Galego: A xusticia pola man; Rosalía 21; 2008; Pista 1.




Nao: A xustiza pola man; Once máis 15 (VVAA); 2009; Pista 15

(Reedición da versión do disco As palabras espidas, do ano 2007.)


Aid: A xusticia pola man; Rapoemas; 2012; Pista 1




Amancio Prada e Nuria Espert: A xusticia pola man; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 11

(Reedición da versión do disco Rosas a Rosalía do ano 1997)

No hay comentarios :

Publicar un comentario