I | |||||
Vaite, noi- te,—vai fuxin- do.—Vente auro- ra,—vente abrin- do,—co teu ros- tro,—que, sorrin- do,—¡¡¡a sombra espanta!!! |
|||||
¡Canta, paxariño, can- ta—de ponliña en pon- la,—que o sol se levan- ta—polo monte ver- de,—polo verde mon- te,—alegrando as her- bas,—alegrando as fon- tes!... |
|||||
¡Canta, paxariño alegre, canta! ¡Canta porque o millo medre, canta! Canta porque a luz te escoite, canta! Canta que fuxeu a noite. |
|||||
Noite escura logo ven e moito dura co seu manto de tristura. Con meigallos e temores, agoreira de dolores, agarimo de pesares, cubridora en todo mal. |
|||||
¡Sal...! | |||||
Que a auroriña o ceu colora cuns arbores que namora, cun sembrante de ouro e prata teñidiño de escalrata. Cuns vestidos de diamante que lle borda o sol amante antre as ondas de cristal. |
|||||
¡Sal...! señora en todo mal, que o sol xa brila nas cunchiñas do areal; que a luz do día viste a terra de alegría; que o sol derrete con amor a escarcha fría. |
|||||
II | |||||
Branca auro- ra—ven chegan- do,—i ás porti- ñas—vai chaman- do—dos que dor- men—esperan- do—¡o teu folgor...! |
|||||
Cor... de alba hermosa lles estende nos vidriños cariñosa, donde o sol tamén suspende, cando aló no mar se tende, de fogax larada viva, dempois leve, fuxitiva, triste, vago resprandor. |
|||||
Cantor dos aires, paxariño alegre, canta, canta porque o millo medre; cantor da aurora, alegre namorado, |
|||||
ás meniñas dille que xa sal o sol dourado; |
|||||
que o gaiteiro, ben lavado, ben vestido, ben peitado, da gaitiña acompañado ¡á porta está...! ¡Xa...! |
|||||
Se espricando que te esprica, repinica, repinica na alborada ben amada das meniñas cantadeiras, bailadoras, rebuldeiras; das velliñas alegriñas; das que saben ben ruar. |
|||||
¡Arriba todas, rapaciñas do lugar, que o sol i a aurora xa vos vén a dispertar! ¡Arriba! ¡Arriba, toleirona mocidad, que atru- xaremos—cantaremos o ala... lá...!!! |
Rosalía de Castro: Cantares gallegos (1863)
Versións:
A Quenlla: Alborada; Europolis'88; 1988; Pista 7
A Quenlla: Alborada; As nosas cancións; 1997; Pista 13
(Reedición da versión do disco Europolis'88, do ano 1988)
Abe Rábade, Guadi Galego e Anxo Angueira: Alborada; Rosalía 21; 2008; Pista 10
Carlos Núñez e Fernanda Takai: Alborada de Rosalía; Alborada do Brasil; 2009; Pista 1
Uxía Senlle: Alborada; Rosalía pequeniña; 2013; Pista 9
Tempo catro sexteto: Alborada; Os ollos que falan; 2014; Pista 2
No hay comentarios :
Publicar un comentario