viernes, 25 de mayo de 2012

Airiños, airiños aires

Airiños, airiños aires,
airiños d'a miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, leváime á ela.

Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta;
que adonde queira que vaia,
cróbeme unha sombra espesa.
Cróbome unha espesa nube,
tal preñada de tormentas,
tal de soidás preñada,
que a miña vida envenena.
Levaime, levaime, airiños,
como unha folliña seca,
que seca tamén me puxo
a callentura que queima.
¡Ai!, si non me levás pronto,
airiños da miña terra;
si non me levás, airiños,
quisáis xa non me conesan,
que a frebe que de min come,
vaime consumindo lenta,
e no meu corazonciño
tamén traidora se ceiba.

Fun noutro tempo encarnada
como a color da sireixa,
son hoxe descolorida
como os cirios das igrexas,
cal si unha meiga chuchona
a miña sangre bebera.
Voume quedando muchiña
como unha rosa que inverna,
voume sin forzas quedando,
voume quedando morena,
cal unha mouriña moura
filla de moura ralea.

Levaime, levaime, airiños,
levaime adonde me esperan
unha nai que por min chora,
un pai que sin min n'alenta,
un hirmán por quen daría
a sangre das miñas venas,
e un amoriño a quen alma
e vida lle prometera.
Si pronto non me levades,
¡ai!, morrerei de tristeza,
soia nunha terra extraña,
donde extraña me alomean,
donde todo canto miro
todo me dice <<¡Extranxeira!>>

¡Ai, miña probe casiña!
¡Ai, miña vaca vermella!
Años, que balás nos montes,
pombas, que arrulás nas eirás,
mozos, que atruxás bailando,
redobres das castañetas,
xas-co-rras-chás das cunchiñas,
xurre-xurre das pandeiras,
tambor do tamborileiro,
gaitiña, gaita gallega,
xa non me alegras, dicindo:
<<¡Muiñeira!, ¡muiñeira!>>
¡Ai, quen fora paxariño
de leves alas lixeiras!,
¡Ai, con que prisa voara,
toliña de tan contenta,
para cantar a alborada
nos campos da miña terra!
Agora mesmo partira,
partira como unha frecha,
sin medo ás sombras da noite,
sin medo da noite negra;
e que chovera ou ventara,
e que ventara ou chovera,
voaría e voaría
hastra que alcansase a vela.
Pero non son paxariño
e irei morrendo de pena,
xa en lágrimas convertida,
xa en sospiriños desfeita.

Doces galleguiños aires,
quitadoiriños de penas,
encantadores das augas,
amantes das arboredas,
musica das verdes canas,
do millo das nosas veigas,
alegres compañeiriños,
run-run de tódalas festas,
levaime nas vosas alas
como unha follina seca.
Non permitás que aquí morra,
airiños da miña terra,
que ainda penso que de morta
hei de sospirar por ela.
Aínda penso, airiños aires,
que dimpois que morta sea,
e aló polo camposanto,
donde enterrada me teñan,
pasés na calada noite
runxindo antre a folla seca,
ou murmuxando medrosos
antre as brancas calaveras;
inda dimpois de mortiña,
airiños da miña terra,
heivos de berrar: <<¡Ariños,
airiños, levaime a ela!>>

Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1860)

Versións:
Los Tamara: Airiños, airiños aires; Na fermosa Galicia; 1970; Pista 1



Xocaloma: Airiños, airiños aires; Terra; 1978; Pista 10



Ana Kiro: Airiños, airiños aires; Toda unha vida; 1998; Cara B, Corte 9



Astarot: Airiños, airiños aires; Apuesta y gana; 1998; Pista 1



Astarot: Airiños, airiños aires; Xacobeo'99: Astarot & The Refrescos; 1999; Pista 5

(Reedición da versión do disco Apuesta y gana, do ano 1998)




Astarot: Airiños, airiños aires; Directo Castrelos 99; 1999; Pista 1



Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Sito Sedes: Airiños, airiños aires; Cantando a Galicia; 2013; Pista 5

No hay comentarios :

Publicar un comentario