martes, 2 de diciembre de 2014

Cantiga para andar pola Terra Cha

Cruzarei o Fabilus, o Lea, Moares e Martiñán
por entremedias dos agros acugulados de pan.
                Soio unha estrela por guía.

Cruzarei o Anllo, o Landra, o Azúmara e o Miño
pra ver correr as súas ondas despaciño, despaciño.
                Soio unha estrela por guía.

Hei de mercar en Vilalba, algún día de feirón,
un par de capós cebados e queixos de San Simón.
                Soio unha estrela por guía.

¡Hei de ir a Santa Sabel e ó San Ramón de Vilalba
e ruarei ó meu xeito do anoitecer deica a alba!
                Soio unha estrela por guía.

Irei as feiras de Rábade, a do Monte e a Moimenta
pra ver si merco soños que agora non teñen venta.
                Soio unha estrela por guía.

Castelos de Caldaloba, de Vilalba e de Sobrada:
¡as vosas pedras tan vellas xa non se lembran de nada!
                Soio unha estrela por guía.

Co meu anceio calado, pequeniño e silandeiro
achegareime a Loentia pra deprender a zoqueiro.
                Soio unha estrela por guía.

Hei ir de Castro a Abadín e de Begonte a Cospeito
pra ver como os labregos teñen que partir o peito.
                Soio unha estrela por guía.

Irei de Outeiro a Vilalba e de Pol deica Xoibán
pra mirar como os labregos teñen que suar o pan.
                Soio unha estrela por guía.

Heime chegar deica Bonxe para ver o barro cocer
dende o abrente do día ós pechos do anoitecer.
                Soio unha estrela por guía.

Achegareime a Sistallo e a Cospeito preguntar
polas lendas da Lagoa que acaban de desecar…
                Soio unha estrela por guía.

Hei andar a Terra Cha sen esquecer un rincón
¡ouh terra da miña alma, lume do meu corazón!
                Non quero máis compañía
                Soio unha estrela por guía.

Manuel María: Terra Cha (1954)

Versións:
Milladoiro: Unha estrela por guía; Unha estrela por guía; 2006; Pista 4

No hay comentarios :

Publicar un comentario