viernes, 5 de mayo de 2017

Boneco de palla

No curuto do palleiro
hai un boneco de palla
posto polos malladores
cando fixeron a malla.

Sempre alá enriba chantado,
día e noite, noite e día,
ledo e triste ó mesmo tempo
na súa alteira moradía.

Un mes tras doutro en acougo,
soio, teso e carricento,
abanéase mo marzo
co fero bufar do vento.

Chova ou xíe, neve ou trone
atura todo o que ven,
sin agardar nin pedir
agarimos de ninguén.

Ai, bonequiño de palla,
tan probe e tan churrusqueiro,
decote en pé, vixiante,
no curuto do palleiro.

Xosé Neira Vilas: Cantarolas e contos prá xente miuda (1975)

Versións:
Muxicas: O boneco de palla; Escoitando medra-la herba; 1992; Pista 4

No hay comentarios :

Publicar un comentario