Mostrando entradas con la etiqueta O silenzo axionllado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O silenzo axionllado. Mostrar todas las entradas

viernes, 15 de septiembre de 2023

Tinge, tinge os teus beizos co sangue do solpor

Tinge, tinge os teus beizos co sangue do solpor;
enmourece as tuas olleiras con brétema
e prolonga as tuas cellas con farrapos de noite.

Peitea os teus cabelos co peite da ponte;
enguedella neles a Sírius como unha flor;
acouga no teu peito o rio como un colar.

Coa lanza da tua ollada fura os astros
e pon os luceiros como aneis nas tuas mans
e o sol e a lua como pulseiras nos teus pulsos.

Molla, molla os teus beizos na agua milagreira da saudade,
para que me saiban a caraveis mortos cando os bique.
Morda, morda a tua boca a semiesfera do horizonte,
para que me saiba a laranja roubada cando a beije.

Déita-te sobre o leito do serán
cunha rosa na palma de cada man,
cunha estrela no cume de cada peito;
e agarda-me
co corazón apreixado pola man do degaro.

Cando chegue a coller os ácios da tua vide,
exaltará-se a vida aos ollos meus.
E as vespas serán arcanjos guerreiros,
e regueiros de luz os vermes
e estrelas de cinza as arañas.

E os penedos escalarán o ceo
e as ardentías levarán a fronte de Deus.

Cando chegue a coller as flores do teu jardín,
a ingeleza cantará na miña vida
como un xílgaro nun Piñeiro.

E poderei escorrentar os ciúmes cos abanos das tuas mans,
amarar o hidro do desejo na neve dos teus lenzois,
arranjar o nó da gravata no espello da tua alma,
acender o cigarro nos teus ollos
e me limpar o po co cepillo das tuas verbas

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:

Lucía Riveiro: Tinge os teus beizos; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 62



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

jueves, 10 de noviembre de 2022

Soño de Catarina

Jardineira, coida as tuas flores.
Os lobos baixan da montaña.
Jardineira, coida as tuas flores.
           
   
Os lobos saen dos seus tobos.
Os debulladores de flores.
Coida as tuas flores, jardineira.
           
   
É a hora en que congrega o galo
na trabe, cansas, as galiñas.
Cansas de por ovos de neve
e debullar vermes de esmeralda.
           
   
Os lobos baixan da montaña.
Os cans ouvean à lua.
e non ven que baixan os lobos.
           
   
Son lobos escuros e raudos,
cujos ollos abren na noite
corredoiras de lume roxo.
           
   
Aman as flores, e, ao ceá-las,
bébedos, danzan nos jardins,
baixo a ollada leda da lua.
           
   
Catarina, a tua fiestra
abre-se ao jardin, Catarina.
Catarina, cobre as fazulas.
           
   
¡Qué lobos máis originais!
Deixan espidas as roseiras.
¡Qué lobos máis originais!
           
   
¿Estás soñando, Catarina?            
¿Diamantes que rachen os vidros?
¿Ou serán os ollos dos lobos?
           
   
Catarina, quén fose lobo,
para debullar-che as fazulas…
           
   
O abrente adianta no horizonte
un anaquiño de presenza.
Os lobos, cantando e rindo,
ruben aos tobos da montaña.
Ao pasar junta os cans dormidos,
acenan-lles sen que se decaten.
           
   
Unha rejeiriña de sol,
como unha aguillada de ouro,
fere no lombo dos lobos.
           
   
Os lobos botan a correr.            
   
Luz: Catarina despertou.            

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:

A banda da loba*: O sonho da Catarina; Musicando Carvalho Calero (VVAA)**; 2020; Pista 5




Lavanda: Sonho de Catarina; Musicando Carvalho Calero (VVAA)**; 2020; Pista 46




A banda da loba: Sonho; Xabón Lagarta; 2022; Pista 8



*[Finalista do concurso Musicando Carvalho Calero 2020.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

viernes, 5 de febrero de 2021

Saudade dunha voz

Asi,            
asi cantaba ela.
Polo meu corazón
pasa tan fugitivo o seu cantar,
que a lembranza
non o pode apreixar.
           
   
Asi cantaba ela,            
co aquela voz que era monllo de flores
mollado na água morna da tristeza.
           
   
¿Qué cabelos, qué van, qué beizos tiña?
É do esquezo. Somente
a sua voz morta fica
           
no cadaleito do meu peito, acesa.            
   
Perderon-se-me os ollos, e o cabelo, e o van.            
Ficou-me só a sua voz,            
o eco da sua voz,            
sen verba, sen contido.
O seu cantar ¿qué cantar era?
           
   
Polo meu corazón
pasa como unha maina bris de outono
remexendo coas asas a arboreda.
           
   
Como canta esa bris,            
asi cantaba ela,            
asi era a sua voz.            
   
Aquela voz que era feixe de estrelas            
esparegidas polo ceu da dor.            

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:

Su Garrido Pombo: Saudade dumha voz; Musicando Carvalho Calero* (VVAA); 2020; Pista 22




Panic Light: Saudade dumha voz; Musicando Carvalho Calero* (VVAA); 2020; Pista 37



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

miércoles, 3 de febrero de 2021

Saudade dun pasado

Houbo,
houbo un tempo,
un tempo en que cantaban os paxaros
e as rosas florecian

às beiras dos camiños.

As ditas, de mans dadas,
percorrian o mundo.
E as eu bicaba, no penasco dondo.

E sabia enxoitar o pranto das estrelas.

Houbo un tempo en que as mulleres tiñan as fazulas rosadas
e sobre a terra había unha cúpula azul.
e nela un rosetón de ouro.

Un tempo en que a luz non era só unha verba.

En que os jardins eran bosques domesticados
por unha man de neve e de pureza.

Cando existia a arage, e a pomba, e a mar, e a arela.

Foi no país lonjano do abrente da miña vida,
cando ainda ti non chegaras a ela, peregrina.

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:

Celia Pía: A noite é*; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 14



*[A versión musical de Celia Pía está precedida por fragmentos dos poemas Profecía da noite amargurada e Evocazón da infancia perdida, da obra de Ricardo Carballo Calero: Vieiros, do ano 1931.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

jueves, 7 de febrero de 2019

Automóvil

Às nove en Ferrol.
Às dez en Betanzos.
Às once en Santiago.
Às doce en Padrón.
           
 
¡Pontevedra!: a unha.
Vivo, en Vigo, às duas.
           
 
¡Oh!            
 
Se fose doado ter
en cada vila un amor,
eu coseria seis bicos
co fio dunha traición.
           
 
Por el, o
meu corazón esbarara
entre Vigo e o Ferrol.
           

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:
Leite de nai: Automóvel; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2010;



Tommy Gun: Automóvel; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2010;



Les trois de Cora: Jimmy e máis eu; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2010;




Bakarrá: Automóbil; Musicando Carvalho Calero (VVAA)**; 2020; Pista 75



*[Inédito. Versión musical participante no concurso homenaxe a Ricardo Carballo Calero, patrocinado por komunikando.net e AGAL, con motivo do centenario do seu nacemento.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

martes, 23 de octubre de 2018

Luísa Sorriso

Sorri-me, Luísa Sorriso.

Sempre ela está silenciosa,
pra non desfacer, falando,
o triángulo da sua boca.

Qué ben debe de saber
a améndoa da tua faciana,
mollada en mel do teu pelo.
¿Deixas-me probá-la?

Pero ti, sempre a sorrir,
calas.

Como unha fotografía
de ti mesma, silenciosa.
pra non desfacer, falando,
o triángulo da tua boca.

O triángulo da tua boca
forman-no duas gueivotas.
Duas, voadoras
e roxas.

Por un ceu de nubes brancas
e rosa,
voan,
unha porriba da outra.
Polo ceu da tua faciana.
Unha paira;
a outra
leva ergueitas as asas.

Paxareiro é o teu siléncio,
Luísa Sorriso, que as garda.
O cazador dunha verba
pode matá-las.

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:
The Tetas’Van: Luisa Sorriso; Musicando Carvalho Calero (VVAA); 2010;



Esquios: Luisa Sorriso; Musicando Carvalho Calero (VVAA); 2010;

jueves, 30 de agosto de 2018

María Silenzo

Cabeleira de choiva, ollos de brétema:
María Silenzo, esfarrapada, á espreita.
           
   
Sempre agardando, pola noite, ás barcas.
A túa anguria fala con olladas.
           
   
María Nocturna: no peirán, ¿qué esperas?
¿Polo día non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cás da primeira estrela?
           
   
María Silenzo sempre dura e muda…
¿Cál é a barca que agardas?
           
   
Das fontes dos teus ollos
fluíen ríos de sono.
Pero tí sempre dura e desvelada,
batida polo vento, no peirán…
           
   
María Silenzo, eu roubaría
no ceo
a estrela de mel,
na iauga
a estrela de prata,
para che mercar a fala.
           
   
Se queres ulir frores
dareiche a fror da lúa.
           
   
María do Mar. ¿qué barca agardas?            
¿Queres o sol, carne da lúa fría?            
   
O sol é un porco-espiño disfrazado.
No mar agora, ourizo de mar, durme.
           
   
Pescado pola cana do abrinte,
heicho de dar, raiolante e mollado.
           
   
¡María Silenzo, Voz Dormida: fala!            
   
¿A qué afogado esperas,
María da Sombriza Espranza?
           
   
María Silenzo: ¿agardas a túa voz?            
¿as ondas do mar levado roubároncha?            
   
De choiva e vento vestida,
María Silenzo, calada…
           

Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)

Versións:

Fanny + Alexander: María Silenzo; Finais dos 70s, comezos dos 80s; 2007; Pista 1




A Minha Embala*: María Silenzo; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2010;




Carlos Patiño Gómez: María Silencio; Musicando Carvalho Calero*** (VVAA); 2020; Pista 16




Tu mujer nos engaña: María Silêncio; Musicando Carvalho Calero*** (VVAA); 2020; Pista 48



*[Gañadora do concurso Musicando Carvalho Calero.]
**[Concurso musical organizado por komunikando.net e AGAL (Associaçom Galega da Língua), con motivo do centenario do nacemento de Ricardo Carballo Calero.]
***[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]