INDA nacen nenos
naceo IRIA GALA
inda nacen nenos
ALAGAIRI
IRIAGALA
con calqueras letras faise unha palabra
mais a verba a verba
leva todo un pobo leva todo o tempo
IRIA
GALA
o mazairo roxo deu frores en agosto
entre mazás feitas frores novas
entre GALICIAS unha nena
entre onte
entre hoxe e sempre
e hai máis sinales
hai días así con nebras máis limpas e ledas que o azul
i é que nacen nenos
inda nacen nenos
anque ún xa é valumbo
valumbo que me leva onde non son tanta cousa tanto
alleo mundo
e por qué me queixo?
por qué un poema verdadeiro sempre é triste?
conózote HISTORIA anque esta nena estete desmentindo
DANZA-MALLA do mosquicio no curral
a ollar dende os ollos das vacas fago pedrafita diste intre
pra que teñas un sitio onde parar
cando tamén ti sepas que o tempo é algo a contar cara tras
e digas:
o FUTURO só é un sitio desd’onde ollar pra hoxe
1974
Uxío Novoneyra: Do Courel a Compostela (1988)
Versións:
Uxío Novoneyra: Inda nacen nenos; Do Courel a Compostela; 2010; Pista 2
No hay comentarios :
Publicar un comentario