Pra vós a verdade,
pra min a beleza;
pra vós o conceito
e para min a verba.
¿Quén ainda sabe
cómo son as cousas?
Eu a canzón levo
como flor na boca.
Guerreiros formosos,
arcanjos do certo,
que as brancas espadas
cravades no ceo.
Cara a Deus vivedes,
como en Deus eu vivo.
Vós interrogades
mentres eu admiro.
Do mundo enigmático
querés o segredo.
Eu canto, pueril,
o que non comprendo.
Ricardo Carballo Calero: Entre o verde e o azul. Poemas pendurados dun cabelo (1952)
Versións:
Teco: Pra vós; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 30
Alipio Santiago: Pra vós a verdade, para min a beleza**; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 31
Anxo Buide: Pra vós a verdade**; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 65
Guille LP: Pra vós, a verdade; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 78
*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]
**[As versións musicais de Alipio Santiago e Anxo Buide están seguidas da musicalización do poema Ai, as preguntas, da obra de Ricardo Carballo Calero: Poemas pendurados dun cabelo, do ano 1952.]
No hay comentarios :
Publicar un comentario