Mostrando entradas con la etiqueta Poemas soltos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Poemas soltos. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de noviembre de 2018

Pola unión

Non é en honor do Patrón
que esta noite bailar veño.
Anque a teña ó Santo, teño
á Patria máis devoción.
Eu, polo si ou polo non,
cos santos quero estar ben;
mais quero estalo tamén
coa terra en que fun nacida:
sólo unha patria hai na vida
e santos hai máis de cen.

Farto de evanxelizar
e facer no mouro estrago,
fai tempo que está Santiago
da santa gloria a gozar.
Con non menos batallar
contra todo mal goberno,
Galicia a un supricio eterno
decote está condenada,
e pídenos, desolada,
que a libremos dese inferno.

É tan grande o seu penar,
máncana tantos abrollos,
que coas bágoas dos seus ollos
coido que foi feito o mar.
Diante o trono e diante o altar
contra o seu mal pide acordo;
mais sin piedá nin remordo
do seu dolor, nunca escaso,
os homes non lle fan caso
e Dios permanece xordo…

¡Probe vella! ¡Coitadiña!
¿Qué pudo ela nunca ter
con ninguén, pra merecer
sorte tan dura e mezquiña?
¿Non derrochou canto tiña
polo ben desta nación?...
¿Quén a civilización
levou de Oucidente a Oriente,
na nave resprandecente
que tripulaba Jasón?

¿Onde naceron aqueles
que Grecia e Roma fundaron
i ás portas de Asia chegaron,
a luz levando con eles?
¿Quen a lira i os cinceles
de Homero e Fidias guiou?
¿Quén coa ruda lanza armou
de Viriato o brazo forte,
que sin medo ter da morte
ó César desafiou?

¿Quén feitos máis esforzados
rexistra na nosa Historia?
¿Quén estrozar tuvo a gloria
máis mouros arrenegados?
¿Quen marchou tras dos cruzados
co poeta padronés?
¿Quén contra o pirata inglés
loitou con máis bizarría,
e viu, soldado en Pavia,
un Rei de Francia a seus pes?

¿Quén nas modernas edades
máis alto o pendón ondea,
e con máis tesón pelea
polas patrias libertades?
Contra franceses e frades,
¿quén igualou seu poder,
que un cañón soupo facer
dun castiñeiro en San Paio,
da espada de Lacy un raio
e un raio da de Polier?...

¡Ti sólo, Galicia Santa!
¡Ti, que no antigo señora,
escrava ximes agora
dos caciques baixo a pranta!
Véndote entre pena tanta,
teus bravos fillos ¿qué fan?...
¿En qué pensan? ¿Onde están,
que non collen os fouciños
e botándose ós camiños
a redimirte non van?

Arregañados os dentes,
us cos outros agarrados,
revoltos i enfurruñados,
semellan a cans doentes,
nas propias carnes os dentes
engarran, sin compasión,
e despreceando a razón
que toda xenreira borre,
¡esquecen súa nai, que morre
chea de infamia e de baldón!

Gallegos que me escoitades,
gallegos que a verme vides:
¡hoxe de eiquí no saídes
sin facer as amistades!
Das nosas debilidades
o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos unir,
matando rencores cegos;
¡qué na unión dos pobos gallegos
está da Patria o porvir!

Xuntas estrelas i estrelas
forman o azul firmamento;
xuntas as ondas do vento
da nave moven as velas;
xuntas as pallas sinxelas
forman as medas xigantes;
xuntas as gotas pingantes
forman regatos sombríos,
xuntas as augas dos ríos
forman océanos brumantes.

Todo, pra ser grande e forte
se une, xunta e reconchega:
quén á discordia se entrega
vai direito cara á morte.
Non agarde millor sorte
quen fomente divisiós;
que a unión de todos os bos
é lei de tan alto alento
¿qué pra estar no Sacramento
hastra a ten que cumplir Dios!

Non pido bravos nin palmas,
nin coroas esta noite;
pido a todo o que me escoite
a unión, que é a vida das almas;
a unión, que do éter nas calmas
buscan a brisa i a flor;
a unión, que a todo delor
consolo encontra no mundo;
a unión, que é xermen fecundo
de ben, de forza e de amor.

Por esa unión feiticeira
volverá a Patria a ter vida;
por esa unión ben querida
veño a bailar a muiñeira.
Colonia gallega enteira:
anque falto de donaires,
non este berro desaires
en que esa unión reconcentro:
¡que o Presidente do Centro*
estreite a man do de Aires*!

                                    1894

Curros Enríquez: Poemas soltos. Obras completas, vol.2 (1910)**

Versións:
Benedicto: Pola unión; Pola unión; 1977; Cara B, Corte 5



Benedicto: Pola unión; Benedicto e Bibiano (Voces Ceibes)***. Fonoteca 92; 1992; Cara B, Corte 2



*[O Centro Gallego e a Sociedade Coral Aires da Miña Terra, da Habana.]
**[Composición lida pola tiple galega Dorinda Rodríguez no Teatro Peyret da Habana, o día de Santiago de 1894.]
***[Grabación orixinal realizada en directo no Pabillón de Deportes de A Coruña o 25 de xuño de 1976.]

lunes, 18 de junio de 2018

A nena na fonte

Nena que nesa fontiña
queres encher a túa cántara,
sin conocer que non se enche
vasixa que foi rachada;
por máis que baixes os ollos,
por máis que xogues coas saias,
ben se adiviña que choras
no longo das túas pestanas…
Que esas pestanas longuiñas
non che creceron sin auga,
porque sin rego non crecen
nas veigas as espadanas.

                Orense, 1874

Curros Enríquez: Poemas soltos; Obras completas, Vol.2 (1910)

Versións:
Gelria: A nena na fonte; Cantos de poeta; 2016; Pista 1

martes, 14 de octubre de 2014

A fouce do avó

Tres véce-la afiei: foi a primeira
cando, ardendo a seara a mailas meses,
segou tantas cacholas de franceses
que non colleran en montós na eira.

Foi a segunda cando, prisioneira
a patria dos teocráticos intreses,
esgazou tras mil loitas e riveses
do poder absoluto a ruín bandeira.

Pola vez derradeira afíoa agora...
—¿E para que, avoeliño? —escrama o neto,
póndose diante del, coa faldra fóra.

—Para que segues ti —repuxo inquieto—
o froito que eu semei, e que xa cora,
—dixo, e sorriu con risa de esquileto.

Curros Enríquez: Poemas soltos. Obras completas, vol.2 (1910)*

Versións:

A Quenlla: A fouce do avó; 30 anos con A Quella de amor, dor e loita; 2014; CD1, Pista 3



*[Publicado orixinalmente en El Heraldo Gallego, nº24, Ourense, 1874.]

lunes, 16 de junio de 2014

A espiña

                 I
Pra que vos fale esta noite
metéronme certo empeño
e un pouco a falarvos veño,
si hai por eiquí quen me escoite.


Anos fai que nos riñós
levo cravada unha espiña,
e como me doi aíña
vouna quitar diante vós.


Si mentres ma arrinco berro,
disimulaime a molesta:
láiase a besta i é besta,
é ferro, e quéixase o ferro.


Moito non se han de alegrar
de ver que inda teño alentos
os que beberon os ventos
para facerme calar.


Mais deses que, aquí chegado,
con gaita me recibiron
e cando enteiro me viron
quixeron venne aforcado;

deses, con almas de can,
que coidan, na súa insolencia,
que se merca unha concencia
por catro codias de pan;


deses que medrando vin
dos abusos do poder
a xornal quixeran ter
un cómplice mudo en min;


deses pra quen todo enteiro
o orden moral é un nagocio,
a cubiza un sacerdocio
i o millor Dios o diñeiro;


deses pra quen fun mambí
cando era máis español
i enchen cos mambís o fol,
ida xa España de eiquí;

deses entre quen semeei
semente de paz i amor
pra coller un deshonor
por cada gran que ceibei;

deses que na loita cega
que descontra min trabaron
hastra matar non pararon
a probe Terra Galega1;

deses que cando a fundei
ofrecéronme a súa caixa
e... díronseme de baixa
cando a cobrarlla mandei;

deses que de rabia cheos
da porta me despediron
e abríronma cando viron
que ma abrían os alleos;

deses que na época vella
dixeron de min horrores
en papeis de dúas coores:
alaranxada e vermella...

(que pra eso a nosa bandeira
serviu na súa man odiosa:
pra erguerse ante a xente nosa
e arriarse ante a extranxeira);

deses que, o nome calando,
non me quero eiquí ocupar:
quen as fai ten que as pagar,
¡i eses xa as están pagando!


                 II
O amigo que me convida
a cantar nesta velada,
pesante de ver calada
a miña Musa ferida,

quer que vos diga as razós
por que non sallo nin entro
na Benéfica, no Centro
e nas gallegas reuniós.

Según el, fuxindo ó trato
dos peisanos que me queren
doulles pe pra se ofenderen
e pra terme por ingrato.

Quen conoce a miña hestoria
e sen méretos me ergueu;
quen dende que os deprendeu
trai meus versos na memoria;

quen onde se me aldraxou
sacou a cara por min,
e cando un couce collín
deulle el sete a quen mo dou,

ten lexítimo direito,
posto que o amor fai vasallos,
ós máis finos agasallos
dun nobre e fidalgo peito…

Fala ben quen así fala
i eu, coberto de rebor,
nada teño que repor,
que ás veces calar é gala.

¡Son algo ingrato, é verdade!
Mais pode decir en cru
que na miña ingratitú
non entrou nunca a vontade.

Xornaleiro do porvir,
decote sobre o meu tallo,
eu vivo do meu traballo
e traballo pra vivir.


I así, a un xomaleiro tal
que non agarda milloras
nin da rebaixa das horas,
nin do aumento do xomal;

que non ten casas nin tendas,
nin merca papel do Estado,
nin dá diñeiro ó fiado,
nin cobra foros nin rendas,

a deixar o seu mester
non o podedes forzar,
si é que non o querés matar
do que non querés morrer...

E son eles dende entón,
xefes da obreira milicia,
¡os que han de alzar a Xusticia
por cúpula da creación!

Pra a miña pedra labrar
nin forza nin tempo sobra,
e debo dar fin á obra
antes de se o sol deitar.


                 III
Aí xa tendes as razós
por que non sallo nin entro
na Benéfica, no Centro
nin nas gallegas reunións.

¿Nin para que me queredes
nestes lugares? ¡Eu lixo!
Botoume deles quen dixo
que iba á esculca de mercedes;

botoume quen dixo un día
que nos seus ricos estrados
están de máis os letrados,
a Música i a Poesía.

Botoume (¡que patrio apego!)
quen sentou, pérfidamente
que do Centro o presidente
non precisa ser gallego.

Cando esta infamia escoitei
saín; fixen, no momento,
de non volver xuramento
e cumprín o que xurei.

¿Querés que falte ó xurado?
Pendurai daqueles muros
as copias dos homes puros
que teñen á Patria honrado:

os nosos historiadores
e sabios naturalistas;
nosos prezados artistas,
poetas e pensadores.

Adornade aqueles teitos
que o pincel galaico esmalte,
con frisos onde resalte
a lenda dos nosos feitos.

Onde, dun sol que feitice
ós raios fecundadores,
reventen de aroma as frores
i a froita en mel se esnaquice;

onde fumegue o casar,
i onde, cal os desposados
no leito nupcial deitados,
dorma a terra e estronde o mar.

Facei que cando visite
o salón da biblioteca,
quen alí leva a alma seca
tope a fe que o rezusite,

lendo ó sabio Rei, Macía,
Feixoo, Colmeiro, Pondal,
Pastor Diaz, a Areal,
Rosalía e mais Murguía.

Facede da nosa quinta
un lugar onde o doente
da muiler i o fillo ausente
as extrañezas non sinta.

Facede que os emigrantes
que aquí chegan en precura
do que lles nega a man dura
dos seus duros gobernantes,

topen bo consello en nós,
caridá, agarimo, acobos,
¡pra que non caia entre lobos
quen fuxe de entre ladrós!

Facede, en fin, que os que vamos
sin patria a rodar o mundo,
con lazos de amor profundo
unha eiquí de irmáns teñamos,

onde, for cal for a sorte
que nos trazar nosa estrela,
xa que outra non temos, ela
nos peche os ollos na morte.

... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...

Nada vallo e nada son;
e tan ben fóra cal dentro,
si eu teño entrar no Centro
será con esa condición.

E inda a poñer outra chego
aquí, didiante da xente:
¡non terei por presidente
a quen non nacer gallego!

... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...

Fólguese en festas rumbosas,
bailas, troulas e parrandas,
quen vai, cal santo nas andas,
un chan trillando de rosas.

Perde o tempo en vaguexar
quen pense que nesta vida
toda a brega está contida
entre un almorzo e un xantar.

Eu, que convencido estou,
vendo esta tracamundana,
de que a gran misión humana
inda se non comenzou;

cada vez que a soias penso
como inda entre as multitudes
soben ó pau as virtudes
i ó crime quéimase incenso;

que oio tanto zorro listo
falar do chan adorado
despois de telo entregado
cal fixo Xudas con Cristo;

que ó través dos longos mares
vexo poboaciós enteiras
deixar as patrias ribeiras,
os doces nativos lares,

para ir pidindo por Dios
o negro pan forasteiro,
mentres se adona o usureiro
das terras de seus avós;

cando vexo escurecidos
os varós máis sinalados
e acolleitos e louvados
os treidores i os bandidos;

cando se cuspe na testa
onde a luz do xenio arde,
e cínguese á do cobarde
o loureiro en vez da xesta;

cando o fin da patria asoma;
cando a raza se aniquila
e peta a lanza de Atila
de novo ás portas de Roma.

Debo espreitar os camiños...
debo aspilleirar os portos...,
¡gardar as tumbas dos mortos
i os berces dos pequechiños!

Dios, a quen prougo deixar
moitas cousas incompretas,
impúxolles ós poetas
o deber de as terminar.

                 IV
E abonda xa de poesía.
Máis que decirvos non sei,
senón que non reneguei
da miña casta hastra o día.

Dende que en Cuba surxín
o mesmo fun do que son:
nin troquei o corazón
nin a concencia vendín.

O que é xusto defendín,
non me negeui á razón;
loei o que entendo bon,
o que malo, combatín.

Se na vella lei vivín
e se loitei con tesón,
haio de decir por min
verme tornar pra o terrón
cos mesmos cartos que vin.

... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...

¡O terrón! ¡Ai! ¡A aldeíña
onde se nace e se crece,
que inda de lonxe parece
que nos acena e abumiña!

¡O terrón que cobre os ósos
dos vellos que abandonamos,
e que con fondos recramos
chamando están polos nosos!

¡O terrón! Se a sorte cruel
me fai o mundo deixar
fóra del e do meu lar,
gallegos, ¡levaime a el!
¡Alí podrei descansar!

... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...

Catro cosuas me ensinou
meu pai, que dios teña en groria,
e pois véñenme á memoria,
aquí por remate as dou:

"O millor viño, o da adega;
a millor carne, a da alcatria;
a millor terra, a da patria;
¡a millor patria..., a gallega!"

                                    (1903)*

Curros Enríquez: Poemas soltos; Obras completas, vol.2 (1910)

Versións:
Benedicto: A espiña; Os nomes das cousas; 1978; Pista 6



1[Periódico fundado e dirixido por Curros Enríquez]
*[Poesía lida polo autor a noite do 11 de xaneiro de 1903, no Teatro Tacón da Habana, con motivo do XXIII aniversario da fundación do “Centro Gallego”, adicada ao Sr. D. Lisardo Barreiro.]

sábado, 8 de febrero de 2014

En corso

Mariñeiros da Marola,
de illas Cíes e do Orzán,
remendade ben as velas,
daille sebo ás cordas xa;
reparade as vellas redes,
os coitelos afiai
i aprestaivos, mariñeiros,
pola patria a mariñar.

Dende o Norte americano
chega a España occidental,
de ignominias e de aldraxes
unha negra tempestad,
e nas olas que levanta
i en Galicia van parar,
¡cuspos flotan de desprecio
para vós e vosa nai!

Mariñeiros da Marola,
de illas Cíes e do Orzán,
non seredes mariñeiros
si temedes hoxe o mar;
unha forca en cada verga,
na cintura un bon puñal,
no temón un brazo forte
i a bogar, bogar, bogar…

Mariñeiros da marola,
de illas Cíes e do Orzán,
grande pesca vos agarda
si sabedes ben pescar;
unha lancha de centollas
vinte e cinco pesos val,
un cargamento de yankees
valvos… ¡a inmortalidá!

                         Habana, 1898

Curros Enríquez: Poemas soltos. Obras completas, vol.2 (1910)

Versións:
Suso Vaamonde*: En corso; Loitando; 1973; Lado 1, Corte 4



Suso Vaamonde: En corso; Regodobargo; 1995; Pista 12



Suso Vaamonde: En corso; Lembranza; 2000; CD2, Pista 6

(Reedición da versión do disco Regodobargo, do ano 1995)




Carlos Casas: En corso; Galicia Sonsfolk (2000); 2001; Pista 3



María do Ceo: Mariñeiros da Marola; No bico un cantar; 2010; Pista 14



*[A carátula pertence a unha versión misicasete, non é seguro que se corresponda co disco orixinal]

lunes, 27 de enero de 2014

A Mariquiña Puga

      Despedida*

Como ti vas pra lonxe
    i eu vou pra vello,
un adiós, Mariquiña,
    mandarche quero,
    que a morte é o diaño
i anda rondando as tellas
    do meu tellado.

Cando deixes as costas
    da nosa terra
nin lus nin poesía
    quedará nela.
    Cando te vaias
vaise contigo o ánxel
    da miña garda.

Pombiña mensaxeira
    de branca pruma,
fálalle ós emigrados
    da patria súa.
    Dilles, mimosa,
que deles apartada
    Galicia chora.

Dilles que prós seus lares
    tornen axiña;
que sin eles non queren
    pintar as viñas,
    regar os regos,
madurar as castañas
    nos castiñeiros.

Dilles que non hai terra
    millor que a nosa,
máis ridentes paisaxes,
    máis frescas sombras,
    máis puros ceos,
nin lúa máis lucente
no firmamento.

Dilles que súas obrigas
    eiquí os esperan,
¡e se onde elas non morren
    que se condenan!...
    ¡agora voa,
pombiña, e que te guíe
    Nosa-Señora.

            1886

Curros Enríquez: Poemas soltos. Obras completas, vol.2 (1910)

Versións:
Joaquín Deus: Un adiós a Mariquiña; Morriñas da miña terra; 1960; Lado 1, Corte 1



Juan Pardo: Adiós a Mariquiña; Adiós a Mariquiña. Ariola 11.543 (single); 1973; Cara A



María Manuela: Adiós a Mariquiña; Cantigas ao meu xeito; 1975; Cara 1, Corte 4



Alejandro Vargas e Xavier Díaz: Un adiós a Mariquiña; Descarga ao vivo. Cuba-Galiza (VVAA); 2009; Pista 4



*[Poema adicado a filla de D. Luciano Puga y Blanco, avogado que defendeu a Curros Enríquez no proceso seguido contra éste pola publicación de Aires da Miña Terra, acusado de ‘herexía e ataque á relixión’; antes da partida daquel, con toda a súa familia, cara Cuba, onde fora nomeado gobernador do Banco de España na Habana.]