Gres é unha tenza de vizosos labradíos,
un recanto fluvial
agarimado
por dous ríos con historia.
Gres é auga de pesqueiras e muíños,
auga na que batuxan
nenos, troitas, escalos,
auga que fai insuas
e discorre escoltada
por freixos,
ameneiros,
fentas e bacelos.
Gres ten tres pontes,
tres vencellos
coas terras de Boqueixón e de Silleda;
e ten pazos,
templos,
panteóns,
resonancias feudais,
e un castro que evoca lonxanos deuses
e lonxanos guerreiros.
Gres son camiños,
o Real, o de Santiago
e os que se perden monte arriba
entre abrótegas e carballizos.
Gres é tamén música e palabra,
lenda, tradición.
Vida e norte en remuíño.
Dende este Gres amado,
dende este mínimo recuncho,
placenta e signo meus,
escribo,
boto a andar estes versos ventureiros
coma o canto dun xílgaro na tarde.
Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)
Versións:
Manoele de Felisa: Gres; Cantos de lembranza; 2014; Pista 2
No hay comentarios :
Publicar un comentario