O vento e o seu alento
é cousa que non se ve.
¡O vento ten un misterio!
¡O vento un misterio é!
Ás veces é un marmurio,
un sopro maino da brisa,
solermiño, arrolador,
semellante a unha sorrisa.
Ás veces o vento zoa,
poderoso, ameazante:
¡leva lousados e árbores
coa súa forza de xigante!
O vento tolo, na noite
corre, brúa, berra, brama:
¡eu a escoitalo, medoso,
acochadiño na cama!
O vento pasa bruante
con forza de xigantón.
¡Eu sinto por el respeto
e sempre lle chamo DON!
Manuel María: Os soños na gaiola (1968)
Versións:
Suso Vaamonde: O vento; Os soños na gaiola; 1978; Disco 2, Lado A, Corte 6
No hay comentarios :
Publicar un comentario