Cunha man colleu a mar
e coa outra un veleiro,
pra explicar unha das probas
de que a Terra é redonda.
—Todos os días?, preguntáballe eu.
O mesmo polo día que pola noite?
—Sempre, respondeume, e se redonda non fora
en toda a súa coda non se tería nada en pé,
a mar subiría deica a neve dos altos montes,
non poderían voar as aves
nin correr os nenos polos campos do verán.
Nin sequer habería verán.
Todo o que é, a rosa e maila lúa,
a alma miña, os ventos, a sorrisa dela
e a sombra da cerdeira, e as cereixas,
tal son porque é redonda a Terra.
O veleiro mergullábase no horizonte
e a mar ía e viña na súa man dereita
a escuma das ondas escorrendo entre os seus dedos.
Refrescaban o meu rostro redondas pingas de choiva
caída de grandes nubens que viñan do sul
gracias a que a Terra é redonda.
Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)
Versións:
César Morán: Porque a terra é redonda; Haberá primavera; 2011; Pista 3
No hay comentarios :
Publicar un comentario