domingo, 2 de diciembre de 2018

Por qué, miña almiña

        ¿Por qué, miña almiña,
por qué ora non queres
o que antes querías?

        ¿Por qué, pensamento,
por qué ora non vives
de amantes deseios?

        ¿Por qué, meu esprito,
por qué ora te humildas,
cando eras altivo?

        ¿Por qué, corazón,
por qué ora non falas
falares de amor?

        ¿Por qué xa non bates
co doce batido
que calma os pesares?

        ¿Por qué, en fin, Dios meu,
a un tempo me faltan
a terra i o ceu?

        ¡Ou ti, roxa estrela
que din que comigo
naciche, poideras

        por sempre apagarte,
xa que non pudeche
por sempre alumarme...!

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:
O val das mouras: Roxa estrela; Rosalía; 2015; Pista 2

No hay comentarios :

Publicar un comentario