bafos na prisión das martinicas CHEIRO
e voz en off cabeza abaixo
e brazos pendurados de paraugas NEGROS
aluminio con descarga lateral e caixa de recollida
órbita baleira do meu patolóxico archibaldo
considera que o traballador como profesional
alienado debe sintetizar o nu co descubrimento
da BAUXITA.-
maxinaron sirenas de silencio óxido
mexadas de carácter tóxico
laudos para despedimentos éticos
e turnos de traballo harmónicos
plástico cargador baleirado nos rótulos
ALÚMINA
xa dixera o latoeiro
MULLER MORTA NON FALA
bis (eles)
a fábrica (bis)
maxinaran sirenas de silencio óxido
mexadas de carácter tóxico
laudos para despedimentos éticos
e turnos de traballo harmónicos
ASUBÍOS DE SON EXPLOSIÓN
AL2O3
o pus o cuspe a suor atacan o aluminio con extraordinaria parsimonia
Grupo de Comunicación Poética Rompente*: Textos de resistencia e comunicación** (1979)
Versións:
Bibiano: A danza do aluminio; Aluminio; 1979; Cara B, Corte 1
*[O Grupo de Comunicación Poética Rompente ou Grupo Rompente foi creado en 1975 por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón, e a él estiveron vencellados tamén Alfonso Pexegueiro, Camilo Valdehorras e Xosé Leira López.]
**[O texto «Aluminio» fíxose expresamente por encargo do cantante Bibiano para o disco do mesmo título. É unha creación colectiva do ano 1979. Rompente: Upalás. Escolma; selección de Iris Cochón e Helena González; Col. Ablativo Absoluto, nº 7; Edicións Xerais de Galicia; Vigo, 1998; ISBN: 84-8302-255-9. Na antoloxía antedita o presente poema aparece recollido no capítulo titulado Textos de resistencia e comunicación; respectamos a citada referencia como obra orixinal do grupo.]
No hay comentarios :
Publicar un comentario