lunes, 21 de febrero de 2022

Esta casa que ninguén visita

Esta casa que ninguén visita.
Nela vive un home solitario.
Fuma e pasea polos corredores.
Dialoga cos fantasmas do pasado.


Hai moito tempo que viveron.
Van se desfigurando os seus contornos.
Ja se esqueceu das letras daquel nome.
Ja non pode lembrar a cor daqueles ollos.

O seu cabelo é cada vez máis gris,
e arrasta máis os pes cando as escadas sobe.
E ven a noite, e deita-se no leito.
Fecha as pálpebras e non dorme.

E sente renger unha porta,
e unha doce figura entra na estancia
e un bico pon nos ollos do deitado,
e el non bole pra non escorrentá-la.

Esta casa que ninguén visita.
Nela morreu un home solitario.

O vento bate a porta escanastrada.
Ninguén hai a carón do leito giado.

Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Doente: A casa que ninguén visita*; Musicando Carvalho Calero (VVAA)**; 2020; Pista 63



*[A versión musical do grupo Doente altérnase co poema ¿Por que serei un débil home só?, da obra de Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional, do ano 1982.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario