sábado, 1 de abril de 2023

As palabras

Vou escribindo versos,
levantando palabra
tras palabra,
un libro prós teus ollos,
unha pequeña casa
na soedá do mundo,
no outo da montaña.
Vou escribindo versos,
palabra tras palabra,

contraditoriamente.

Digo unhas veces sí, mitá da ialma,
digo outras veces non
e perdo o rumbo i a esperanza.


Digo sí, si tí estás
nos meus eidos, amada.
Penso que merecéu vivir
solo por atoparte a tí, rapaza,
somentes por un bico
dos teus beizos de auga.


Digo sí, digo non.
Non aturo a inxusticia i a crueldá
benditas por hisopos e campanas.
E pra acabar, non podo
andar da norte na compaña.

Digo non, digo sí,
unha palabra afirma, outra palabra
—digo sí, digo non—,
nega, blasfema, mata.
Do sí pró non, do non pró sí,
a ialma dividida i anguriada
vai levantando versos cada tarde,
pedra tras pedra na montaña.

Un día heime deitar a mal morrer,
e quedaréi sin maus e sin palabras,
un día heime deitar…

Por iso agora teño que xuntalas,
I erguelas ben de presa
e con elas faguer a nosa casa.

Antón Tovar: O vento no teu colo (1974)

Versións:

Anxo Rei: Palabras; A rabela da pluma; 2006; Pista 8

No hay comentarios :

Publicar un comentario