viernes, 21 de abril de 2023

Camiño da serra

Camiño da serra busco o meu amor,
a bela pastora que me enfeitizou.


Vén cheo de arumes
o vento da serra;
antre os carpaceiros
fungan as abellas;
o chiar dos gaios
resoa nas penas.


Camiño da serra busco os aloumiños
da lanzal pastora que me dá agarimo.

Leda fontenliña
limpas augas deita;
antre as irtas uces
nascen as muleiras;
o censoli anda
a enfeita-las pedras.


Á bela pastora que me enfeitizou
acheina coa avenza entre uces en fror.


Nunha campoliña
pacen as ovellas,
margaridas brancas,
herbiñas sinselas.
O engado do monte
na ialma se adentra.

Á lanzal pastora que me dá agarimo
senlleira atopiena no aspro camino.

É, miña pastora
toda sinseleza,
carrapucheiriña
leda, churrusqueira.
É, miña pastora,
a deusa da serra.

Acheina coa avenza entre uces en fror,
todo foi lediza no meu corazón.

Lediza, lediza
no ar e na terra;
a bris, maina e tola,
faille a todo festas;
nas ponlas dun teixo
canta unha laverca.

Senlleira atopeina no aspro camino
e os dous, nunha aperta, ficamos cinguidos.

Seus tépedos brazos
fan doce cadea;
de amor esmorece
meu peito ao pé dela;
arelando un bico
dúas bocas se achegan.
………………….
O amor, satisfeito,
enche a esgrevia serra.

Florencio Manuel Delgado Gurriarán: Bebedeira (1934)

Versións:

Anxo Rei: Camiño da serra; Fronteira de cegoñas; 2003; Pista 6

No hay comentarios :

Publicar un comentario