martes, 18 de febrero de 2014

Cantares

Porque o amor faime cantar
cántoche nena este son.
Cántame a min ti, querida,
con amor págame amor.
Canta ti, cantarei eu,
dous cantares, nunha voz
que nesta nosa regueifa
ninguén vai ser perdedor.
Xura polos santos todos
co teu amor será eterno,
pois pra min o teu querer
é coma o sol para inverno.
Eu por ela, ela por min,
amor tolo, toleirón,
que nos tes entolecidos
e sin entrar en razón.
O amor non quer consellos
nin pode sofrir demoras.
Cando o amor é verdadeiro
nunca xamais di; abonda.
Amor tolo, toleirón,
nun tolo rodar sin fin.
Que nos tes entolecidos
eu por ela, ela por min.

Celso Emilio Ferreiro: Cartafol de poesía (1936)

Versións:
Suso Vaamonde: Cantares; Menceres; 1986; Cara A, Corte 4

No hay comentarios :

Publicar un comentario