I
Formoso campo de Cornes,
cando te crobes de lirios,
tamén se me crobe a ialma
de pensamentos sombrisos.
De Cornes lindo lugare,
que cruzan tantos caminos:
anque cuberto de rosas,
as rosas tamén fan guizos.
Antre as pedras, alelises;
antre os toxos, campanillas;
por antre os musgos, violas;
regos por antre as curtiñas.
Río abaixo está o moíño,
Compostela río arriba...
Río arriba ou río abaixo,
todo é calma na campía.
Convidando a meditare,
soan de Conxo as campanas;
beben os bois no teu río
i o sol alegra a escampada.
Das túas casas terreñas
sai fume, i os galos cantan...
¡Quén en tan fresco retiro
dirá que as dores fan lama!
Donde hai homes hai pesares;
mais nos teus campos, ña terra,
maxino que os hai máis fondos
cando te amostras máis leda.
Porque eses tríos dos páxaros,
eses ecos i esas brétemas
vaporosas i esas frores,
na alma triste, ¡cánto pesan!
Polas silveiras errante
vexo unha meniña orfa
que triste vai marmurando:
—¡Ña Virxe, quén rosa fora!
—¿Por qué qués ser rosa, nena?—
lle preguntéi cariñosa.
I ela contesta sorrindo:
—Porque non tén fame as rosas—.
Costa arriba, costa arriba,
desandémolo camiño.
¡Fuxamos deste sosego,
dos pesares enemigo!
¡Qué negro contraste forman
da natureza o tranquilo
reposo, coas ansias feras
que abaten o inxel esprito!
II
Cruceiro de Ramírez que te ergues solitario
dos Agros na espranada, antre as rosas dos campos:
o sol da tarde pousa en ti o postreiro raio
coma nun alma triste pousa un soño dourado.
Algunha vez no estío, eu ó teu pe sentada
escoito silenciosa, mentras a tarde acaba;
baixo das pedras mudas, que teu secreto gardan,
maxino que resoa o brando son dun arpa,
¡música incomprensible que doutros mundos fala!
¡Tal de Memnón se oían ó amañecer na estatua
aqueles sons divinos que as almas encantaban!
III
Ódiote, campo fresco,
cos teus verdes valados,
cos teus altos loureiros
i os teus camiños brancos
sembrados de violetas,
cubertos de emparrados.
Ódiovos, montes soaves
que o sol poniente aluma,
que en noites máis sereas
vin ó fulgor da lúa,
i onde en mellores días
vaguéi polas alturas.
E ti tamén, pequeno
río, cal no outro hermoso,
tamén aborrecido
es antre os meus recordos...
¡Porque vos améi tanto,
é porque así vos odio!
Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)
Versións:
César Morán: Ódiote; Río de son e vento; 1999; Pista 1
Narf: Ódiote; Nas tardes escuras; 2013; Pista 6
lunes, 10 de febrero de 2014
En Cornes
Etiquetas:
César Morán
,
Follas Novas
,
Narf
,
Rosalía de Castro
Suscribirse a:
Enviar comentarios
(
Atom
)
No hay comentarios :
Publicar un comentario