Cabe das froles a nena
canta alegre o seu cantar,
i é branca como azucena,
pálida como o luar.
E onde a boquiña, un lunar
gracioso lle dou Dios, tan feito, tanto,
que é de todos o encanto.
Cor de luar..., ¡qué cor lindo!,
uns ollos cal noite escura,
labios que falan sorrindo,
i aquel sinal... Fermosura
máis, non cabe en criatura
que a Dios quixo darche, linda rosa,
doce, casta e preciosa.
Ser amada, ése é o teu sino,
amada cal n'outra houber,
e ¡qué dichoso destino!:
ser querida e ben querer.
Ei a ambición da muller
e o soio ben que buscan sin medida
nesta mísera vida.
Pero, nena alunarada,
¿sabes o que o refrán di?
Que é en amores desdichada
a que un lunar ten así.
E tamén din que o eres ti,
a pesar das risadas dos teus labios
que non saben de agravios.
En boa hora ou en mal hora,
que nesto de namorar
tamén se mete a traidora
mala sorte a traballar.
E métese a enfeitizar
corazóns inocentes e almas puras
n'afeitas a amarguras.
.................................................
.................................................
¡Ai da nena alunarada,
pálida como o luar!
Cómo canta o seu cantar
tan serena, e sin pensar
que á que lunares ten, fertuna esquiva
lle ha de ser mentras viva.
Alegre e dichosa canta
aquela linda canzón,
que trai á súa mente tanta
querida recordazón,
que asín é coma oración
que a ialma, triste, con amor marmura
pedindo a Dios ventura.
I ela non pensa, toliña,
e non maxina a coitada
que mal tras do amor camiña
e ten fertuna menguada
e que nase alunarada:
que a que ten un lunar tan primoroso
nunca terá reposo.
Tan soio te agardan penas,
linda rosa a do lunar;
as grandes tras das pequenas,
unha tras outra a chamar
á túa porta han de chegar;
que naide, tal é a forza do destino,
naide torce o seu sino.
Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)
Versións:
Narf: Cabe das froles; Nas tardes escuras; 2013; Pista 3
miércoles, 18 de enero de 2017
Cabe das froles a nena
Suscribirse a:
Enviar comentarios
(
Atom
)
No hay comentarios :
Publicar un comentario