Dóenme os ollos
de mirar
como rube cada noite
a pedra,
de mirar
como rube o pranto
ao faiado dos días.
Dóenme os labres
de esperar
o milagre dos beizos
esquecidos;
de coidar
a ledicia dos despoboados
que enxendraron a terra.
Dóenme o sorriso amargurado
dos que foron
gastando os sonos
e amortallando as horas
sin un salaio de noxo.
Dóeme a vida
coma unha ferida acoitelada,
coma un anoitecer desleigado,
coma un cadaleito
cheo de rosas murchas.
María do Carme Kruckenberg: A sombra ergueita (1976)
Versións:
Aurora López e Teresa Luján: Dóenme os ollos; Saloucos. 15 poetas da terra nai; 1999; Pista 10
No hay comentarios :
Publicar un comentario