martes, 27 de junio de 2017

Nouturnio

Da aldea lexana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas veiras o céspede mol.

Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó piñar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.

            —¡Ai! —dixo—, ¡que triste!
            ¡que triste eu estou!
            I on sapo, que oía,
            repuxo: —¡Cro, cro!

¡Ás ánemas tocan!... Tal noite como esta
queimóuseme a casa, morreume a muller;
ardeume a xugada na corte, i a besta,
na terra a semente botouse a perder.

Vendín prós trabucos bacelos e hortas
e vou polo mundo de entón a pedir;
mais cando non topo pechadas as portas
os cans sáienme a elas e fanme fuxir.

            —Canta, sapo, canta;
            ti i eu ¡somos dous!...—
            I o sapo, choroso,
            cantaba: —¡Cro, cro!

Soliños estamos antrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras i eu non;
a ti non te morden os ventos da serra,
i a min as entranas i os ósos me ron.

Ti, nado nos montes, nos montes esperas,
decote cantando, teu térmeno ver;
eu, nado entre os homes, dormento entre as feras,
e morte non acho, si quero morrer.

            —Xa tocan... Recemos
            ¡que dicen que hai Dios!...—
            El reza, i o sapo
            cantaba: —¡Cro, cro!

A noite cerraba, i o raio da lúa
nas lívidas cumes comenza a brilar;
curisco que tolle nos álbores brúa
i escóitase ó lexos o lobo oubear.
   
O probe do vello cos anos cangado,
ergueuse da pedra i o pau recadou;
virou para os ceos o puño pechado,
e cara ós touzales rosmando marchou...

            Cos ollos seguíndoo
            na escura extensión,
            o sapo quedouse
            cantando: —¡Cro, cro!

Curros Enríquez: Aires da miña terra (1880)

Versións:
Los Tamara: O vello e o sapo; Na fermosa Galicia; 1970; Cara 1, Corte 4



Los Tamara: O vello y o sapo; Canciones de oro de los Tamara; 1974; Cara A, Corte 4

(Reedición da versión do disco Na fermosa Galicia, do ano 1970.)



Luis Emilio Batallán: Nocturno; Ahí ven o maio; 1975; Cara B, Corte 5



Los Tamara: O vello y o sapo; O enxebre dos tamara; 1979; Disco 1, Cara A, Corte 3

(Reedición da versión do disco Na fermosa Galicia, do ano 1970.)



Los Tamara: O vello y o sapo; 7 anos de canción galega (VVAA); 1979; Cara 2, Corte 4

(Reedición da versión do disco Na fermosa Galicia, do ano 1970.)

No hay comentarios :

Publicar un comentario