viernes, 23 de junio de 2017

Deica abril

Quitando a pucha direiche
deica as rosas que veñen!
Carlota, Ofelia ou Pía
sexa un destes o teu nome ou outro,
deica as rosas que veñen!

Sob a choiva ou ao sol agárdame
non deixes que o vento te leve
morrer é mui doado
volverei aínda que co vento te foses,
que cinza sexan os ollos meus
que buscarte prometeron
cando volvan as rosas.

O tempo vai e vén e vira
eu feito de soños
sen saber quen ha morrer primeiro.
Deica as rosas que veñen
o corazón como a roda dun muíño,
días e días sen saber quen vivirá en abril
ti, Carlota, Ofelia ou Pía,
ou eu, xa perdido no tempo,
a pucha na man, hedra por dentro
e a poeira que escusa o rastro
das rosas que foron, perdido no mundo
deica as rosas que veñen!

Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)

Versións:
César Morán: Deica abril; Haberá primavera; 2011; Pista 2

No hay comentarios :

Publicar un comentario