sábado, 17 de noviembre de 2018

As dúas pragas

Baixo dun ceo promizo e bretemoso
unha negra montana;
baixo a montana negra, unha curtiña
de álbores decotada;
pacendo na curtiña, media ducia
de ovellas esfameadas;
e celosas gardando esas ovellas,
murchas, tristes, da aldea as catro casas.

Dentro de cada casa, unha cociña
escura i afumada;
dentro cada cociña, unha fogueira
que o vento frío apaga;
xunto cada fogueira, cavilosa,
unha testa incrinada;
dentro de cada testa, un pensamento
de próusima fuxida, ou de venganza...

¿Que acontece na aldea? Antes de agora
vina, i alegre estaba;
nela todo era festas e trouleos,
e bailes e fiadas;
nos campos escoitábanse as degrúas
dos sachos i as eixadas;
nos fogares as frescas armonías
das risas e dos bicos que estralaban.

¿Que demos acontece nesta aldea?...
¿Cal foi das sete pragas
a que eiquí descargou, matando a súa
xovialidade sana?...
Cravado por tres cravos baixo a copa
do cipreste da entrada,
calquera pode leer este letreiro:
"Hai escribano e capellán en Cangas".

Curros Enríquez: Aires da miña terra (1880)

Versións:
Bibiano: As dúas pragas; Alcabre; 1977; Cara B, Corte 5

No hay comentarios :

Publicar un comentario