domingo, 10 de abril de 2016

As torres de Oeste

    A iaugua corría
polo seu camiño,
i eu iba ó pe dela
preto dos Laíños,
sin poder cas penas
que moran conmigo.

    Con tamaña carga,
¿para dónde eu iba?
A Virxe sabráio,
que eu non o sabía;
mais seica fuxindo
de min mesma iña.

    Por antre os herbales,
profunda e sombrisa,
cal unha sarpente
de escamas bruñidas,
brillaba ós meus ollos
dándome cobiza.

    ¡Estaba tan soia!
Nin bote, nin lancha,
nin velas, nin remos
a vista alebraban;
e soias as veigas
tamén se quedaran.


    ¡Qué bonitas eran
noutro tempo as rosas
que naqueles campos
medran e se esfollan!
Mais muchas estonces
se amostraban todas.


    I o sol, cal a lúa
en noite de brétema,
brilaba tembrando
por antre as vimbieiras,
tan descolorido
como a mesma cera.


    I ao ferir as ondas
revoltas e escuras,
víanse no espeso
da negra fondura
as herbas marinas
e longas que a surcan.

    De pronto unha i outra
poñéndome medo,
as loitosas cruces
se me apareceron
que se erguen na orela
cal nun cimiterio.

    "Meu ben, ¿ónde moras?—
perguntéi chorando—.
Xa que ti morreche,
no mundo, ¿qué fago,
coma vós, ¡ouh torres!,
soia e sin amparo?

    Soidás me consomen,
bágoas me alimentan,
sombras me acompañan,
cómeme a triteza.
¡Quén pode con tanta
fartura de penas!"

    I eu non sei qué negra
tentazón maldita
me afrixéu o esprito,
me anubróu a vista,
e sorréume como
me o demo sorrira.

    Dende a fonda orela
miréi arredore...
A marea viva
petaba nas torres,
orfas antre a líquida
sabán que as envolve.

    "¡Alá vou! —lles dixen—.
Daime morte dose,
auguas onde as penas
para sempre dormen..."
Saltéi..., i a corrente
calada levóume.

..................................
..................................
..................................

    ¡Ouh Torres de Oeste!
Malas tentadoras
auguas apromadas,
de calma treidora;
cómaros pelados
onde o corvo pousa.

    ¡Ouh Torres de Oeste!
Tan soias e mudas,
ca vosa atentaches
a miña tristura.
Ninguén triste vaia
cabo de vós nunca.

    Dos desamparados
tendes o homenaxen,
i aínda ó redor voso
non rexorde o aire,
coma si temese
de vos despertare.

    É das que se apegan
a tristeza vosa;
das que o peito oprimen,
das abrumadoras,
que ó inferno encamiñan
as almas loitosas.

    Que si inda estóu viva,
foi que un mariñeiro,
medio morimunda,
por estes cabelos
tróuxome das ondas
ó mundo en que peno.

    Non vaiades nunca,
eu volo aconsello,
ás Torres de Oeste
co corazón negro.

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:
Dolores Plata: As torres de Oeste; Lúa descolorida; 1985; Cara B, Corte 1

No hay comentarios :

Publicar un comentario